miércoles, 27 de septiembre de 2017

Unha visita moi especial

A arqueoloxía ten algo de totémico, unha sensación de complicidade cos xacementos éncheo todo e un mesmo remata por relacionarse con eles como se fosen entes vivos. Por iso non resulta extraño asociar un depósito escavado co investigador que o escavou, deuno a coñecer e púxoo no mapa.

Luis Francisco López, director da actuación, informa a Felipe Arias do lugar exacto do achado das catro asas de caldeiro, no sector Ae2, unha zona que nunca fora escavada antes.

Esta foi a causa de que a visita de Felipe Arias Vilas á intervención resultara tan emotiva. Felipe é depositario dun cursus honorum impresionante, pero sempre destacará por ter sido o motor diesel que fixo funcionar este complexo arqueolóxico dende o seu nacemento ata datas ben recentes. Aquí, en Viladonga, foi museólogo, director de escavacións, xestor cultural, dinamizador, ... tocou todos os paus e atravesou todas as etapas da arqueoloxía galega, dende os heroicos anos oitenta ata o tempo da arqueoloxía profesional e as últimas tendencias museográficas.

Eu creo que os xacementos actúan dalgún xeito sobre as persoas que os aman, proxectando lazos que os atan para sempre. Ningunha visita foi máis importante que ésta, pero desengánense: fagan o que fagan, en arqueoloxía é imposible desconectar.

jueves, 21 de septiembre de 2017

Novas en Viladonga!

Ata certo punto, tiña que ocurrir. O rexistro arqueolóxico de Viladonga é tan descomunal que, ao abrir o sector Ae2, como xa comentamos unha prolongación do Espazo 15 e unha zona que nunca fora escavada antes, os achados, en forma de materiais relevantes, ían sair si ou si. E a sospeita, ou intuición, ou promesa, ou como queiran chamarlle, cumpriuse dabondo. 

Esta parte do barrio, xusto no ángulo SO da croa, está ocupada por unha desas complexas estruturas "viladonguianas" formadas por estancias contíguas e que, como tantas outras, xa fora descuberta parcialmente polo Sr. Chamoso Lamas nun dos amplos frontes de escavación abertos nos anos setenta. A súa ampliación permitiu a definición completa dunha construción de planta rectantangular organizada en tres dependencias axuntadas. E o rexistro atopado na que ocupa o lugar central non defraudou: asociado a un potente nivel de queimado localizouse un depósito de asas de caldeiro, de bronce e de ferro, excelentemente conservadas.



Non estaban amoreadas, ciscadas alí de calquera xeito. Foran coidadosamente gardadas, apiladas e almacenadas, como si planearan empregalas ao día seguinte.  Pero tampouco estaban soas, cousa difícil neste Castro, o gardián da chaira, senón que, sobre ese mesmo chan interior, atopáronse oito pesas de pedra con perforación.

Escavación da Ae2. A frecha sinala o lugar do achado, no interior da dependencia central

Interpretar os achados a estas alturas da intervención sempre é arriscado (e normalmente nunca acertas), pero a lectura máis prosaica fala dunha reutilización dos obxectos de metal para fundición e dun espazo de actividade artesanal vinculada ao tecido. En resume, unha estancia, incluida nunha unidade ou conxunto doméstico, que funcionaría como almacén e como lugar de traballo. Pero tampouco se priven, por favor, están autorizados para deixar voar a súa imaxinación. 

Persoal do museo, acompañado do restaurador Miguel A. López, recibe información do achado 


martes, 19 de septiembre de 2017

Plano de actuación: roteiro 2017


Saben unha cousa? Os arqueólogos podemos ser moitas cousas, pero nunca paracaidistas aguerridos ou trapecistas sin rede, por iso non aterramos neste xacemento marabilloso por arte de birlibirloque e simple casualidade. O proxecto actual insírese na longa tradición arqueolóxica do Castro de Viladonga, un lugar que, polas súas características, precisa de actividade arqueolóxica regular e continuada.

O precedente máis inmediato da actuación, tanto nos obxectivos, como na metodoloxía e mesmo na localización espacial dentro do recinto fortificado (o sector 13a, estremeiro co noso querido 13b e co 15, onde se traballa arreo arestora), está na campaña de 2016, levada a porto tamén por Terra Arqueos.


Planta da croa de Viladonga coas áreas de actuación contempladas 


Os traballos, promovidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e financiados a traveso dos fondos FEDER, contemplan un plano de obra modular que pode considerarse xa un clásico, axustado ao definido nas especificacións técnicas e nos pregos sacados a licitación, no seu momento, pola Consellería de Cultura, Educación e O.U.:

- Desbroce e limpeza da totalidade do asentamento, incluíndo recintos, plataformas e defensas.

- Limpeza e restauración da muralla.

- Actuacións intensivas en dous conxuntos de construcións ou barrios, denominados Espazo 13b e Espazo 15, exhumados parcialmente nos anos 70 do pasado século e que ocupan unha zona perimetral do ángulo SO da croa, encostados ao interior da muralla monumental. Seguindo un protocolo que non pode ser máis lóxico, a intervención de campo programada para esta campaña comprende limpeza, reescavación arqueolóxica e restauración de estruturas. 

- Escavación "ex novo" de dúas áreas anexas, en forma de tenzas longas e irregulares, a fin de acondicionar e definir a área arqueolóxica. Son os denominados sectores Ae1 e Ae2.

Ademáis da batería anterior, a escavación ampliarase cara a outros dous sectores perimetrais, os chamados Ae3 e Ae4, na estrema do Espazo E13b, así como acondicionamento do acceso ao adarve da muralla, o que supón unha mellora cualitativa e cuantitativa importante sobre a plano licitado.

Máis aló da arqueoloxía "pura e dura", a actuación tamén contempla un programa paralelo de difusión e divulgación, do que evidentemente estas novas e relatos so só unha parte, e do que iremos puntualmente informando.

Pois xa ven, un repertorio e un plano de traballo que demostra que si aterramos en Viladonga, non foi para atacar por sorpresa nunha fugaz "operación relámpago".


O Espazo 13b e as áreas de ampliación de escavación sobre a proposta orixinal 


E como nunha visita virtual non todo ten que ser estresantes códigos de estruturas e aburridos planos arqueolóxicos, agora reláxense e proben a meditar diante dun paramento de lousa. Funciona.


Novas estruturas agochadas

Dun xeito un pouco basto, pero moi gráfico, podemos dicir que os castros son grandes contedores de información arqueolóxica. A perpetuación dunha ocupación humana estable desde os tempos plenos da Idade do Ferro ata Época romana crea depósitos con secuencias de habitación amplísimas e unha cantidade colosal de estruturas e materiais arqueolóxicos.

Por iso mesmo ás veces baixo o tan modesto nome de "reescavación", que tanto figura nos proxectos actuais de posta en valor, agóchase unha escavación en toda regla, co seu planeamento, a súa metodoloxía, o seus sistemas de rexistro, as tomas de mostras ... e os novos achados. E como eu sempre digo, para mostra un botón: baixo o Espazo 13b "reescavado", xorden, como pantasmas telúricos, restos de construcións soterradas, testemuñas de ocupacións anteriores, das primitivas Viladongas ás que o Sr. Chamoso non chegou a coñecer.

Estrutura E79 ao remate da escavación


 A estrutura E78, co seu van de entrada, unha vez rematada a eescavación


Localización de novos vestixios de muros durante a "reescavación" do Espazo 13b

lunes, 18 de septiembre de 2017

Arreón arqueolóxico na croa

En todas as campañas arqueolóxicas hai "datas bisagra", ou "estiróns", como tamén chamamos algunha que outra vez. Momentos nos que o xacemento, despois de días de esforzos mudos, de súpeto amosa unha cara nova. Aqueles nos que deixas o paletín no chan, ergues a cabeza, ollas para os restauradores, aló, agochados entre paredes de lousa, e te dis a ti mesmo: "Oes, pois sabes que xa se vai notando o choio?"

Traballos arqueolóxicos no Sector 13b: as estruturas E78 (esquerda) e E79 (dereita) en restauración


Pois o noso arreón pegouse co remate do denominado Barrio ou Espazo 13b, un área de 220 m2 inmediato ao denominado 13a, intervido por este mesmo equipo en 2016. Trátase dunha desas zonas do castro peor coñecidas e mal calificadas de "marxinais". Sectores escavados nas vellas campañas do Sr. Chamoso Lamas, pouco definidos arqueolóxicamente, fronteirizos entre a rolda e o horror vacui de estruturas que inundan a croa. Seguindo o plano de traballo previsto, a actuación consistiu na limpeza, na reescavación das estruturas E78 (a cadrada) e E79 (a de planta redondeada) e na súa restauración.

As imaxes que siguen son un bo exemplo do traballo feito neste Espazo 13b, o barrio no que moitos de nós debutamos en Viladonga.

Vista previa da área de intervención. En primeiro termo, o Espazo 13b. 

Vista do Espazo 13b ao remate dos traballos de limpeza e escavación arqueolóxica


Candela e Pablo traballan na consolidación da estrutura E78

Limpando estruturas

Non parece un título moi de acorde coa categoría do xacemento e a entidade do proxecto que agora traemos entre mans, pero, como xa comentamos na entrada anterior, son traballos fundamentais no actual plano de actuación. Nestas imaxes podemos ver o intenso do traballo de limpeza das estruturas das áreas de intervención, previo á súa escavación e consolidación.




As nosas compañeiras, Mariqui e Candela, sorprendidas polo obxectivo da miña cámara máxica, parecen concentradas na limpeza  da Área, 15 antes da rectificación dos perfiles deixados polas escavacións antigas e a definición da área a escavar. Na imaxe inferior, Fidel Méndez, lembrando os paseos polo adarve que no seu día facían os habitantes do gran castro dos Galaicos lucenses, traballa na roza da colsal muralla interior, o elemento que imprime carácter a este xacemento marabilloso.




E aquí vemos o fantástico resultado final: paramento á vista!















domingo, 17 de septiembre de 2017

Primeiros traballos: Roza e limpeza, a outra arqueoloxía

Xa é un tópico, pero a verdade é que hai máis arqueoloxías que o meticuloso traballo de campo e os sisudos estudios de gabinete e laboratorio. E poden parecer menos apaixoantes, pero son unha parte fundamental dos nosos proxectos de actuación. Neste eido, o Castro de Viladonga ten unhas características singulares: intensamente escavado, extenso e cunha altísima densidade de edificacións. O caldo de cultivo perfecto para que a vexetación medre e o inunde, agochando estruturas e chans, dificultando a súa interpretación, ocultando as súas estremas, comprometendo a súa conservación, ... toda unha batería de amenazas incompatibles cun lugar tan visitado como este, unha auténtica aula ao aire libre e un espazo para gozar da historia. Por iso son tan necesarios os traballos de limpeza e mantemento que se desenvolven en cada ciclo de intervencións. 




A actuación deste 2017 deu comezo cunha fase aparentemente ingrata, pero imprescindible: a roza, limpeza e acondicionamento dos recintos castrexos. Durante varios días, cos medios e a metodoloxía axeitados, Viladonga viuse liberada dese ameazante manto vexetal, un tupido colchón de follato que impedía o seu goce. 

Logo virán fases e traballos máis estimulantes e sofisticados, pero liberar parapetos, terraplenes, monumentais gabias, estruturas e chans, é un dos retos máis esgotadores e importantes do noso traballo. Os alicerces dunha nova campaña no xigante que vixía a chaira.








Benvidos

E tamén ben recibidos nesta bitácora que ten como obxectivo servir de apoio á actuación arqueoloxíca que dende Terra Arqueos estamos a levar a cabo no Castro de Viladonga, o xigante da Terra Chá. Nos vindeiros días describiremos o devalar dos traballos, as inquedanzas do equipo e as novidades xurdidas a carón destes xigantescos murallóns que, coma os brazos dun coloso durmido, nos acubillan nestas longas xornadas convivindo coa chaira.

Máis aló dos obxectivos típicos que marca calquera blog de escavación arqueolóxica (diario da actuación, rexistro de visitas, imaxes actualizadas, ...) queremos ser un vehículo de comunicación entre o equipo técnico, o Museo e a sociedade en xeral, sexan ou non potenciais visitantes.

Os castros son depósitos mudos, esqueceron o verbo fai moito tempo. Por iso queremos que o xigante fale. Para elo, ademáis deste blog, poñemos á vosa disposición unha conta de correo electrónico para poñervos en contacto directo connosco, a fin de que nos podades achegar calqura inquedanza ou, mesmo, avisar con antelación da vosa visita (intervencioncastro17@gmail.com). Xa o sabedes, ben ás portas das colosais murallas que vixían a chaira, ou ben a traveso desta bitácora de terra e memoria, sempre seredes benvidos.